O BNG leva ao Parlamento a reprobación de Rafael Louzán como presidente da Federación Galega de Fútbol

Pontevedra
11 de marzo 2021

O deputado Luís Bará presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei para reprobar a actuación do presidente da federación, condenado recentemente por un tribunal a 2 anos de prisión e 8 de inhabilitación para o exercicio de cargo público por irregularidades nas obras dun campo de fútbol en Moraña

Luís Bará, deputado do BNG
Luís Bará, deputado do BNG / Mónica Patxot

Luís Bará, deputado autonómico do Bloque Nacionalista Galego (BNG), presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei solicitando a reprobación do presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán.

Deste xeito a Cámara debaterá sobre a situación do dirixente, condenado recentemente por un tribunal a 2 anos de prisión e 8 de inhabilitación para o exercicio de cargo público por irregularidades nas obras dun campo de fútbol en Moraña.

Segundo Bará esta reprobación "susténtase, mais alá da gravidade dos feitos e da severidade da condena xudicial, pola exemplaridade e o código ético que debe rexer a actuación dos representantes públicos".

Na iniciativa parlamentaria ínstase á Xunta de Galicia a incoar un expediente disciplinario contra Louzán, xunto á petición de que se adopten medidas preventivas ao entender o BNG que como dirixente da RFGF xestiona "centos de miles de euros de fondos públicos".

"Máis aló da valoración legal e do feito de que a sentenza non sexa firme, estamos a falar de feitos de extrema gravidade e que son censurábeis desde o punto de vista da moral, da ética e da exemplaridade con que deben actuar as persoas que teñen responsabilidades públicas. Máis aínda se cabe nun ámbito como o deportivo no que as persoas dirixentes deben ser exemplo para a sociedade e para as novas xeracións", sostén Bará.

En opinión da formación nacionalista a Lei do Deporte proporciona instrumentos para intervir neste tipo de situacións, mantendo ademais que a Secretaría  Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia debe velar polo cumprimento dos estatutos da Federación Galega de Fútbol, que nun dos seus artigos establece como requisito "non estar inhabilitados para desempeñar cargos públicos", sostén na súa argumentación o BNG.