O Breogán do Grove e o Piragüismo Verducido, vencedores do Trofeo Rías Baixas

Pontevedra
28 de decembro 2019

O encoro de Pontillón do Castro en Verducido acolleu este sábado o V Trofeo Rías Baixas, unha competición que pecha o ano 2019 e dá comezo á tempada 2020 de competicións

Podio do Trofeo Rías Baixas de Piragüismo
Podio do Trofeo Rías Baixas de Piragüismo / Federación Galega de Piragüismo

A pista de piragüismo do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, foi escenario este sábado do V Trofeo Rías Baixas, unha competición que pecha o ano 2019 e dá comezo á tempada 2020.

Na instalación pontevedresa déronse cita ao redor de 250 deportistas nun trofeo que se disputaba na distancia de 3.000 metros.

O Club Breogán do Grove logrou o triunfo na clasificación por equipos das categorías sénior e xuvenil ao sumar un total de 186 puntos, seguido do con 155 puntos da E.P. Ciudad de Pontevedra e do Club Kayak Tudense con 143 puntos, segundo e terceiro respectivamente.

Polo que respecta á clasificación de Novas Promesas a vitoria foi para o Piragüismo Verducido con 217 puntos, seguido moi de preto polo Breogán do Grove con 216 puntos, sendo terceiro o Piragüismo Poio con 160 puntos.

A nivel individual, as vitorias máis destacadas foron as de Antonio Palmás do Piragüismo Vilaboa e Lara Feijoo e  K1 sénior, mentres que Noel Domínguez do Breogán e Raquel Dacosta do Piragüismo Rías Baixas foron os vencedores en C1 sénior.