O Trofeo Xacobeo xa ten gañador. Trátase de 'Bribón', dominador da quinta proba dunha competición que arrancou o venres e que estivo marcada pola inestabilidade metereolóxica.
De feito, a última carreira puntuable fíxose esperar debido á inestabilidade de vento do suroeste durante toda a mañá.
A celebración da carreira estaba no aire pero, a medida que se foi achegando a hora límite permitida polo regulamento para o inicio da proba (15:30 horas), o comité de regatas conseguiu montar un campo estable en dirección e intensidade de vento cun Sueste de 10 nós e proceder coa saída ás 14:50 horas, 40 minutos antes do tempo límite.
A única proba celebrada este domingo, a quinta do Trofeo Xacobeo, foi dominada de principio a fin polo 'Bribón', que na xornada contou con Ross McDonald e Jane Abascal como cana e táctico respectivamente, mentres que o rei Juan Carlos e Pedro Campos foron espectadores desde a pneumática de apoio do equipo do Real Club Nautico de Sanxenxo.
A segunda posición foi para o 'Titia' de Mauricio Sánchez-Bela e a terceira posición do día foi para o 'Aida' de Francisco Botas. O líder ata a xornada de onte, o 'Alibaba II' de Miguel Lago só puido chegar á cuarta posición perdendo as súas opcións de vitoria.
Cos resultados tras as cinco mangas disputadas desde o pasado venres, o título de campión do Trofeo Xacobeo foi para o 'Bribón', que recibiu o premio de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Segundo foi o 'Titia', que recibiu o trofeo de mans do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, mentres que o 'Alibaba II', terceiro na xeral, recibiu a metopa de bronce da man do director de Turismo da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Merelles.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.