O Burgo, 20 anos de aposta polo deporte coa Carreira Pedestre Santiaguiño

Pontevedra
14 de xullo 2016

A penúltima proba do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra celebrarase o próximo 25 de xullo convertida en "unha festa do atletismo". Espérase a presenza de medio milleiro de atletas na proba absoluta

Fis, Anxos Riveiro e Ramón Touza presentan a XX Carreira Pedestre Santiaguiño
Fis, Anxos Riveiro e Ramón Touza presentan a XX Carreira Pedestre Santiaguiño / PontevedraViva

A Carreira Pedestre Santiaguiño do Burgo chega á súa vixésima edición convertida en "unha festa do atletismo", tal e como definiu a proba a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

A penúltima cita do Circuíto de Carreiras Populares celebrarase, fiel á tradición, o 25 de xullo, con saída e chegada na ponte do Burgo.

O percorrido será o mesmo das últimas edicións, con 6.450 metros na categoría absoluta que discorrerán principalmente pola zona da Xunqueira de Alba. Desde as 10:00 horas darase saída aos máis novos e ás 11:00 partirán os atletas promesa, absolutos e veteranos.

Espérase a presenza de polo menos medio milleiro de atletas na carreira absoluta, ao que hai que sumar as categorías inferiores que poden anotarse o mesmo día da proba.

Para o resto de deportistas, ao prezo de 5 euros, as inscricións manteranse abertas ata o 20 de xullo en www.championchipnorte.com

A proba atlética está organizada pola Asociación Xuvenil Santiago Peregrino do Burgo en colaboración da Sociedad Gimnástica.