O Burgos recibirá ao Pontevedra sumido nunha profunda crise deportiva e institucional

Pontevedra
05 de outubro 2016

O cadro burgalés, pechacancelas cun só punto na clasificación, xa cambiou de adestrador e vive unha situación de gran inestabilidade no apartado económico, despois de que a asemblea de socios celebrada hai unha semana rexeitase as contas da pasada campaña e o orzamento para a presente

Partido entre Burgos CF e Pontevedra en El Plantío na tempada 15/16
Partido entre Burgos CF e Pontevedra en El Plantío na tempada 15/16 /

O Pontevedra tentará pescar en río revolto no seu próximo desprazamento ligueiro, o vindeiro domingo (17:00 horas, El Plantío) en Burgos, para lograr o seu primeiro triunfo lonxe de Pasarón.

O club burgalés atravesa unha profunda crise deportiva e institucional, que lle deixou como pechacancelas provisional da competición e que compromete seriamente o seu futuro.

No deportivo o Burgos só conta cun punto na clasificación despois de sete xornadas, o logrado en Guijuelo na terceira xornada de liga, perdendo os seus outros seis partidos ademais da primeira elimintaoria da Copa do Rei. Esta serie negativa custoulle o posto hai unha semana ao seu adestrador, Paco Fernández, dando paso a un Manix Mandiola que na súa estrea saíu derrotado en Vigo ante o Celta B.

Pero se sobre o céspede o equipo tenta recuperar o nivel que deu a pasada campaña e que lle levou a clasificarse para a Copa, ao finalizar a competición na quinta posición, no institucional a situación é aínda peor.

Na recente Asemblea Xeral Ordinaria da entidade, celebrada o luns 26 de setembro, os socios tombaron un a un cos seus votos cada punto presentado pola xunta directiva, incluído o balance e as contas da pasada tempada e o orzamento da actual.

Este rexeitamento social provoca que o club non vaia a poder recibir o que lle faltaba da subvención municipal comprometida en 2015 (65.500 euros), ademais de impedirlle concorrer ás axudas públicas para a presente campaña.

Ante esta situación o presidente burgalés, Juan Carlos Barriocanal, anunciou a convocatoria de eleccións á presidencia e a súa intención de non presentarse á reelección, deixando no aire que pasará coa débeda de 280.000 euros que o club ten recoñecida con el.

Unha situación que non é a ideal para pensar en recibir a un equipo como o Pontevedra, pero da que non debe fiarse o cadro granate ante o potencial dun plantel que foi deseñada no verán para pelexar polos postos altos da táboa.

O BURGOS CONTARÁ CON DÚAS BAIXAS

Manix Mandiola contará con dúas baixas para recibir ao Pontevedra no Plantío, ao confirmase que Dani Gómez sofre unha rotura fibrilar. Á ausencia do defensor únese a do centrocampista Cusi por sanción, tras ser expulsado en Barreiro na última xornada de liga.