O Campionato de España de Acuatlón, tamén para un intratable Javier Gómez Noya

Pontevedra
21 de xuño 2015

Gómez Noya impúxose na carreira celebrada este domingo en Pontevedra pechando un fantástico fin de semana, no que tamén gañou o Nacional de triatlon sprint. Paula García, vencedora en categoría feminina

Javier Gómez Noya durante o Campionato de España de Acuatlón en Pontevedra
Javier Gómez Noya durante o Campionato de España de Acuatlón en Pontevedra / Federación Galega de Tríatlon

Intratable. Así se mostrou Javier Gómez Noya durante a fin de semana en Pontevedra. Se primeiro foi o Campionato de España de Triatlon Sprint, este domingo o triatleta galego foi o mellor no nacional de Acuatlón, celebrado tamén na cidade de Lérez.

Gómez Noya confirmou o dobrete aínda que tivo que remontar nunha carreira na que non se encontrou demasiado cómodo no seu inicio.

Diego Pérez, Luis Miguel Velasquez, Víctor Benages e Kevin Viñuela saíron por diante del tras o tramo de 1.000 metros de natación.

Pero nin con esa desvantaxe foi suficiente, porque dende a quinta posición Gómez Noya empezou a recortar distancia nos primeiros metros dos 5 quilómetros de percorrido a pé e, tras alcanzar a cabeza, marchou en solitario na segunda volta do circuíto para adxudicarse o triunfo.

O campión chegou a meta cun tempo de 28:47, seguido de David Castro (29:11) e o mexicano César Ramiro Saracho, que se xogaron a segunda praza ao sprint. A medalla de bronce do nacional foi para o vigués Antonio Serrat (29:33), quinto en meta pero terceiro español en chegar.

"Só puiden relaxarme nos metros finais, pero o nivel era moi alto e foi unha fin de semana exixente", recoñeceu Javier Gómez Noya ao termo da carreira nunhas declaracións recollidas pola Federación Galega.

Pola súa banda en categoría feminina a vencedora foi a madrileña Paula García, que se repuxo ao tramo de natación, no que o grupo de favoritas se viu prexudicado polas correntes saíndo con certo atraso da auga.

A medalla de prata foi para Estefanía Domínguez, campioa o sábado no triatlon sprint, e a de bronce para Xisca Tous, vencedora en categoría sub-23.

Ademais David Castro foi campión sub-23 masculino, Alberto González e Ana Carvajal gañaron en cadetes e Ignacio González e Inés Santiago en júnior.