O Campionato de España de Apnea Indoor aterra no CGTD

Pontevedra
22 de abril 2021

O evento, organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas e o Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes, reunirá 39 apneístas de nove comunidades

Presentación do Campionato de España de Apnea Indoor no CGTD
Presentación do Campionato de España de Apnea Indoor no CGTD / Mónica Patxot

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra converterase durante a próxima fin de semana, o sábado 24 e domingo 25 de abril, no centro de atención do mergullo nacional coa celebración do Campionato de España de Apnea Indoor.

O evento organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas e o Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes, reunirá a 39  apneístas de nove comunidades.

" Non foi fácil de organizar en tempos de covid", recoñeceu na presentación do mesmo Diego Calviño, representante do club organizador.

Durante dúas xornadas os deportistas inscritos participarán en catro modalidades: apnea estática, apnea dinámica sen aletas, apnea dinámica con aletas e apnea dinámica con monoaleta.

"Por primeira vez todos os deportistas poderán participar en todas as probas", sinalou Calviño sobre un campionato que basea a súa actividade na capacidade de aguantar o máximo tempo posible baixa a auga sen respirar.

Segundo sinalaron na previa do campionato esperan poder ver boas marcas entre os participantes a pesar das dificultades para adestrar durante os últimos meses, aínda que será complicado achegarse a un récord de España en apnea estática está fixado en 9 minutos e 36 segundos sen respirar.

Na presentación da competición participaron tamén o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, Javier Núñez; o delegado de apnea da federación, Héctor Costa; e o director do CGTD, Jesús López.