O Campionato de España Infantil de Baloncesto entra na súa fase decisiva

Pontevedra
06 de xuño 2024

A competición nacional, organizada en Pontevedra grazas ao esforzo do Club Baloncesto Arxil, entra este mércores na súa fase de eliminatorias. A partir do xoves, cos cruzamentos de cuartos de final, todos os encontros xogaranse xa no Pavillón Municipal dos Deportes

Xornada de oitavos de final no Campionato de España Infantil Feminino de Baloncesto Mónica Patxot

A emoción vai crecendo co paso das xornadas no Campionato de España Infantil Feminino de Baloncesto que se está a celebrar en Pontevedra.

Organizado grazas ao esforzo do Club Baloncesto Arxil, o torneo nacional entrou este mércores na súa fase decisiva co inicio das eliminatorias.

A elas chegaron como equipos invictos os cataláns Sant Adrià e Barça CBS xunto co SPAR Gran Canaria e o Movistar Estudiantes madrileño.

Os oitavos de final aínda contaban con dobre escenario, o Pavillón Municipal dos Deportes e o Pavillón Multiusos da Xunqueira, pero desde os choques de cuartos de final previstos a partir deste xoves e ata o final da competición todo centrarase xa na pista principal do Pavillón Municipal dos Deportes.

Alí disputaranse os cuartos, semifinais e a gran final, prevista para o vindeiro sábado 8 de xuño ás 12.00 horas.