O Campionato Galego de Piragüismo inicia no Pontillón do Castro a conta atrás cara ao Nacional

Pontevedra
21 de xuño 2023

O Complexo Deportivo David Cal de Verducido acollerá ao longo da fin semana esta cita deportiva, antesala do Campionato de España Senior que se celebrará en xullo

Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías con Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo
Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías con Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo / Concello de Pontevedra

O piragüismo autonómico ten unha cita esta fin de semana no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, co Campionato Galego Júnior e Sénior, unha cita que serve para iniciar a conta atrás cara ao Campionato de España Absoluto Sprint que terá lugar na instalación pontevedresa en xullo.

Ao redor de medio milleiro de padexeiros daranse cita nunha competición que reserva o sábado 24 de xuño (10.00 horas) para as categorías júnior e o domingo 25 (10.00 horas) para as probas sénior.

"Desde primeira hora da mañá teremos espectáculo e teremos competición. É unha antesala do que está por vir a Pontevedra, un concello abandeirado e recoñecido a nivel mundial", afirmou na presentación do evento o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, acompañado a edil de Deportes, Anabel Gulías.

Ata final de ano de feito Pontevedra acollerá ademais do Campionato de España Sprint, o Nacional de Barco Dragón e o Campionato de España por Autonomías.

"Temos por diante grandes retos e citas que agardamos compartir no futuro próximo. A verdade que este tipo de campionatos tamén poñen en valor o traballo do CGTD e a importancia de contar cunha instalación como pode ser o Complexo Deportivo David Cal en Pontevedra", sinalou pola súa banda Gulías sobre unha cita na que participarán unha trintena de clubs galegos.