O campionato zonal escolar de cros aterra un ano máis na Illa das Esculturas

Pontevedra
27 de novembro 2017

Máis de 700 atletas de nove centros escolares do municipio daranse cita o mércores 29 de novembro na Illa das Escuturas, convertida nunha gran pista deportiva ao aire libre

Presentación do Campionato Zonal de Campo a Través Mónica Patxot

É xa un clásico dentro da programación deportiva local, convertendo a Illa das Esculturas nunha gran pista de atletismo ao aire libre nunha xornada con ambiente festivo.

Trátase do Campionato Zonal de Cros Escolar, que o vindeiro mércores 29 de novembro reunirá a 757 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.

Desde as 10:30 horas da mañá e ata as 12:00 horas sucederanse as diferentes carreiras, con distancias que oscilarán entre os 600 e os 2.000 metros en función da idade.

O campionato céntrase en "unha labor de promoción, que creo que é o máis importante", sinalou o responsable provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

Na presentación da xornada partiparon tamén a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, e José Manuel Pereira como responsable da organización.

Os centros educativos participantes serán: CEIP Xunqueira I, CEIP Xunqueira II, CEIP Froebel, CEIP Parada Campañó, CEIP Príncipe Felipe, CPR Sagrado Corazón de Pontevedra, CPR Sagrado Corazón de Praceres, CPR San José e IES Valle Inclán.