O campo de fútbol do Revel recibe a certificación FIFA Quality

Sanxenxo
01 de decembro 2021

A certificación de calidade outorgada pola federación internacional ao renovado campo de fútbol de Vilalonga ten unha vixencia ata 2024

Campo de fútbol do Revel, en Vilalonga, tras a súa renovación
Campo de fútbol do Revel, en Vilalonga, tras a súa renovación / Concello de Sanxenxo

Recoñecemento de calidade para o renovado campo de fútbol do Revel, en Vilalonga.

A instalación acaba de recibir a certificación FIFA Quality que outorga a federación internacional aos terreos de xogo de céspede artificial que cumpren unha serie de requisitos.

"É o primeiro campo de Sanxenxo que conta con este selo e xa o están a disfrutar os nosos deportistas tanto do Villalonga F.C. como do Sporting Club Libertad e varios equipos veteráns. É unha moi boa noticia", explicou respecto diso o concelleiro de Deportes, Daniel Arosa.

Entre outras probas realizadas, sinala o Concello de Sanxenxo, comprobouse a interacción entre o xogador e a superficie de xogo, entre o balón e a superficie, a resistencia ás condicións meteorolóxicas ou a durabilidade.

Esta certificación terá vixencia ata o ano 2024.