O campo de fútbol Manolo Barreiro, de novo en obras, denuncia o PP

Pontevedra
27 de abril 2022
Actualizado: 14:43

O concelleiro Guille Juncal critica que Deportes "non ten proxecto" e lembra que a súa formación xa solicitara en novembro do 2021 que se atrasasen as obras a final de tempada para non entorpecer a actividade dos equipos

Campo de herba sintética da Xunqueira
Campo de herba sintética da Xunqueira / Concello de Pontevedra

O campo de fútbol A Xunqueira II, do complexo deportivo municipal Manolo Barreiro, seguirá pechado en pleno tramo final da tempada como consecuencia das obras de renovación do céspede artificial. Denuncia o responsable de Deportes do Partido Popular, Guille Juncal, que o Concello "non ten plan, nin proxecto, nin previsión algunha que guíe o seu traballo”.

Critica o popular que, "debido á mala execución das obras" nin a oposición nin os clubs afectados "sabemos cando se vai a poder inaugurar a instalación, prevéndose a súa reapertura o pasado febreiro”.

Os traballos comezaron no mes de novembro do 2021, momento na que desde o grupo popular solicitaran que se acometesen a final de tempada para non entorpecer os adestramentos e competicións que se realizan na instalación. “Desgraciadamente a nosa previsión cumpriuse", lamenta.

Neste sentido, Juncal referiuse a Fernández como “un concelleiro que goberna ao día. Non estuda as posibles consecuencias dos seus actos, nin pondera os proles e contras de actuacións tan importantes como esta, sendo os clubs e o deporte local sempre o damnificado das súas ocorrencias”, rematou.

Ao paso destas acusacións saíu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para explicar que "se están facendo reparacións porque había problemas de encharcamento nalgunha zona".

Con todo, puntualizan desde o goberno local que "o campo non é que estea pechado, senón que aínda non se recibiu porque non se chegou a terminar a obra". O contrato establece que a empresa adxudicataria debe dotar á instalación dun novo marcador que aínda non chegou "por falta de subministracións", explica o edil.

Por iso, aproveitaron esta espera para "mellorar unhas zonas onde a drenaxe non estaba a funcionar todo o ben que debería, pero non hai ningún peche do campo", insiste Fernández.