As raquetas máis prometedoras do tenis mundial regresan a Sanxenxo coa 19º edición do Torneo Internacional Junior organizado polo Círculo Cultural e Deportivo (CCD) de Sanxenxo.
Será un ano especial para o torneo, e é que por primeira vez conta coa categoría de grao 1, máximo nivel internacional para unha competición exceptuando os Grand Slam.
A actividade dará comezo este mesmo domingo día 16 e prolongarase ata o día 24 de outubro.
Será en todo caso un punto e seguido, porque tomará a testemuña o Torneo Internacional Cadete que se disputará os últimos días do mes, entre o 23 e o 30 de outubro.
Ambos os dous campionatos foron presentados esta semana na sede do CCD Sanxenxo.