O CGTD, referencia nacional para a natación en augas abertas

Pontevedra
07 de febreiro 2019

A Real Federación Española de Natación e a Federación Galega asinaron un acordo de colaboración para desenvolver un programa de tecnificación a nivel nacional desta especialidade na instalación pontevedresa

Carlos Touriño e Fernando Carpena no CGTD
Carlos Touriño e Fernando Carpena no CGTD / Federación Galega de Natación

Pontevedra será unha referencia a nivel nacional para o desenvolvemento dunha modalidade olímpica como a natación en augas abertas.

Iso despréndese do convenio rubricado polos presidentes da Real Federación Española de Natación, Fernando Carpena, e o seu homólogo na Federación  Galega (FEGAN), Carlos Touriño, aproveitando a presenza do primeiro na cidade pola disputa do Campionato de España Máster.

Ambos os dous dirixentes acordaron desenvolver en Pontevedra, concretamente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), un programa de tecnificación en augas abertas a nivel nacional co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, titular das instalacións.

Desta forma, deportistas do equipo español de augas abertas pertencentes a clubs de fóra de Galicia integraranse no programa que xa levaba a cabo a FEGAN no centro de tecnificación pontevedrés.