O ciclocrós vólvese internacional en Marín

Marín
10 de outubro 2018

Por primeira vez Galicia acollerá unha proba de ciclocrós de categoría internacional, e será no circuíto que o Club Ciclista Marín leva días habilitando en Chan de  Xaxán 

XV Ciclocrós Ría de Marín Diego Torrado

Por primeira vez, unha proba de ciclocrós celebrada en Galicia será de categoría internacional.

Esa honra corresponde ao I Ciclocrós Internacional XaxánCX que organiza o Club Cisclista de Marín.

Despois de moitos anos de aposta decidida por esta modalidade deportiva, o Club Ciclista de Marín dá un importante paso adiante con esta cita, que se celebrará o vindeiro domingo 14 de outubro e para a que leva días traballando habilitando o circuíto de 3 quilómetros de lonxitude en Chan de Xaxán.

O evento, que dará comezo ás 9:30 horas da mañá, foi catalogado de Clase C2.

Reunirá a especialistas de gran nivel nacional e internacional, cun límite de 360 participantes e carreiras nas categorías cadete, júnior, elite e sub-23 e máster.