O Cidade das Burgas, rival do Poio Pescamar en liga e na fase final da Copa Xunta

Poio
16 de febreiro 2018

O equipo vermello xa coñece o camiño que debe percorrer para defender o título autonómico nunha fase final que se disputará o 31 de marzo e o 1 de abril nunha sede aínda por designar. Antes, volve a liga cun enfrontamento ante o mesmo rival da Copa, o Cidade das Burgas

Adestramento do Poio Pescamar 2017-2018
Adestramento do Poio Pescamar 2017-2018 / Cristina Saiz

O Poio Pescamar xa coñece cal será o seu camiño no obxectivo de revalidar o título da Copa Xunta que logrou a pasada tempada de maneira brillante no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.

A Real Federación Galega de Fútbol realizou este xoves o sorteo da fase final, que se disputará os días 31 de marzo e 1 de abril nunha sede aínda por designar e que emparellou ao cadro vermello co Cidade das Burgas nunha das semifinais. A outra disputarana Ourense Envialia e Burela Pescados Rubén.

Despexada esa incógnita, o que toca agora é pensar de novo na liga e en repoñerse do inesperado tropezo da última xornada para consolidarse nos oito primeiros postos, e para iso crúzase no seu camiño o que será o seu rival en Copa.

O Poio Pescamar visitará este sábado (17:00 horas, TVG2) o Pavillón dos Remedios de Ourense nun duelo no que necesita sumar tres puntos para recuperar posicións na táboa.

A convocatoria das vermellas para o encontro compóñena: Silvia, Mónica, Ale de Paz, Jenny, Carol, Delise Geraldo, Ceci, Jessi Lores, Iria, Patri Corral e Yoli.