O Club Cisne Balonmán inicia este sábado en Xixón (20:00 horas) unha ilusionante segunda volta de liga na División de Honra Prata, na que os xogadores pretenden seguir pelexando por entrar no play-off de ascenso á Liga Asobal e facer historia co club pontevedrés.
O que non estará co equipo na volta á competición oficial é Fabián González, ao chegar a un acordo coa entidade para abandonar o equipo.
Fabián, na segunda tempada da súa segunda etapa no club, apenas estaba a gozar de minutos na rotación de Jabato, e en moitas ocasións estaba a ser o descarte do técnico ante a dura competencia que presenta o Cisne esta tempada na primeira liña.
É por iso que o lateral pontevedrés solicitou a baixa para tentar contar con máis minutos noutro equipo, tendo en conta que a situación ía complicarse para el aínda máis coa inminente volta de Andrés Sánchez.
"Fabián deixa o Cisne pero este club foi e sempre será a súa casa", sinala o propio club na despedida do xogador.
Xa sen Fabían e aínda sen Andrés Sánchez, o Cisne enfrontarase este sábado ao pechacancelas da competición, o Gijón Jovellanos, coa intención de coseguir un triunfo que mellore os seus números a domicilio.