O Cisne cae ante o Cangas nunha final da Supercopa Galicia homenaxe a Fran Teixeira

Pontevedra
06 de setembro 2021

O conxunto pontevedrés, que superara na semifinal a un rival da súa categoría como o Atlético Novás, cedeu na final do torneo autonómico contra un Cangas que fixo valer o seu status de equipo Asobal

Final da Supercopa Galicia entre Cangas e Cisne
Final da Supercopa Galicia entre Cangas e Cisne

Derrota pero balance positivo para o Club Cisne Balonmán tras a súa participación na Supercopa Galicia celebrada a fin de semana no pavillón cangués do Gatañal.

Os pontevedreses, que na semifinal superaron a un rival da súa categoría como é o Atlético Novás, medíase este domingo a un Cangas que se quedou como único representante autonómico en Asobal e que fixo valer o seu status vencendo por 26 a 22.

O duelo, convertido nunha homenaxe ao recentemente falecido Fran Teixeira, comezou cunha gran igualdade en pista, pechando os primeiros 10 minutos con empate no electrónico (4-4).

Con todo coa entrada das rotacións os do Morrazo empezaron a dominar chegando ao descanso cun 14-9 que encarrilaba a final ao seu favor.

O resultado con todo era o de menos, en plena pretempada, e os de Jabato non baixaron os brazos na segunda metade chegando ao tramo final con tres goles de desvantaxe (21-18 no minuto 50), aínda que sen conseguir completar a remontada.