O Cisne conxúrase para recibir o Villa de Aranda en "un dos partidos máis importantes da nosa historia"

Pontevedra
27 de febreiro 2020

O conxunto pontevedrés, que no caso de gañar poñerá un pé e medio na Liga Asobal, múdase para a cita ao Pavillón Municipal dos Deportes. O duelo, este sábado 29 a partir das 20:00 horas

Presentación do partido entre Cisne e Villa de Aranda
Presentación do partido entre Cisne e Villa de Aranda / PontevedraViva

Non é un partido máis e no Club Cisne Balonmán sábeno. Transcorrida xa boa parte da liga, o conxunto pontevedrés atópase inesperadamente nun destacado liderado e soñando cun ascenso que sería histórico.

Nestas circunstancias o próximo rival do Cisne será este sábado 29 de febreiro (20:00 horas) o Villa de Aranda, actual segundo clasificado a 5 puntos de distancia e un partido máis disputado. A ninguén se lle escapa que unha vitoria supoñería poñer un pé e medio na Liga Asobal.

"É un dos partidos máis importantes da nosa historia", recoñece o presidente cisneísta, Santiago Picallo, xa que "pode marcar un antes e un despois".

Por todo iso o club decidiu mudarse por un día ao Pavillón Municipal dos Deportes en busca dunha maior presenza de afeccionados, e habilitou descontos nas entradas. Así, todos os abonados da entidade poderán retirar unha entrada a metade de prezo, promoción que se estende aos socios do resto de clubs da cidade que só terán que ensinar o carné dese equipo no despacho de billetes para sumarse á iniciativa.

O Villa de Aranda pasa por ser en todo caso o único equipo que conseguiu vencer esta campaña aos de Jabato na liga, polo que non será unha tarefa sinxela. Con todo "o contexto é diferente" e agora "xogamos en Pontevedra", recalca o pivote Daniel Ramos.

Tal é a importancia que dá o Cisne ao encontro que nunha medida pouco habitual foi presentado este xoves en rolda de prensa co apoio dos concelleiros Tino Fernández e Yoya Blanco.