Sen nada en xogo, Cisne e Amenabar Zarautz protagonizaron un partido no que o máis destacado foi o anuncio ao finalizar da retirada do veterano capitán local, Toño Lafuente. O demais apenas tivo historia. Os vascos tiveron máis intensidade, pero menos calidade e as accións individuais permitiron aos de Jabato despedir a tempada ante os seus cun triunfo sen brillo, pero merecido.
A escasa tensión defensiva con que o Cisne saltou á pista viuse compensada polas precipitacións visitantes, que no seu intento de circular con velocidade o balón incorrían en erros que lle impedían sacar máis proveito das facilidades que lles daban os pontevedreses. Aínda así, os vascos mantiveron unha lixeira iniciativa no marcador ata mediada a primeira parte.
A partir do empate a seis goles, a primeira liña cisneísta empezou a funcionar e Zarautz acusouno. Os lanzamentos exteriores de Chapela, Andrés Sánchez e Pablo Gayoso empezaron a marcar as primeiras diferenzas e o Cisne foise ao descanso con tres goles de renda (14-11).
Pero o partido non estaba decidido. O Cisne regresou durmido á pista e Zarautz aproveitouno para remontar (18-19) aos 39 minutos. Aí acabouse a súa resistencia. Os locais decidiron que chegara a hora de defender e en pouco máis de cinco minutos fixo un parcial de 6-1 que foi definitivo (24-20).
Quedaba aínda un cuarto de hora de xogo. Os de Jabato, con todo decidido, quixeron darlle emoción, e o partido pasou do 28-22 ao 29-26. Non pasou de aí a cousa. O Cisne gañou para despedir ante os seus a mellor tempada da súa historia.
BM CISNE (32): Pablo Galán; Andrés Sánchez (6), Miguel Simón, Javi Vázquez (1), Carlos Pombo (4), Pablo Rey (2), David Chapela (6) -sete inicial-, Toño Lafuente (p.s.); Adrián Menduiña (3, 1 de penalti), Xosé Canedo, Álex Chan (2), Pablo Picallo (4), Iago Cuadrado, Pablo Gayoso (3), Pepe Camiña e Guille Rial (1).
AMENABAR ZARAUTZ (27): Gorka; Ánder (2), Míkel (6), David (4), Josu Lertxundi, Txomin (2), Iraeta -sete inicial-, Paulo (p.s.); Oihan (1), Etxaniz (1), Xabat (), Beris (3), Josu (3, de penalti), Míkel Amilibia (1) e Eneko (1).
Árbitros: Luís Ignacio Colmenero Guillén e Víctor Rollán Martínez (Castela-León). Excluíron dous minutos a Carlos Pombo, polo Cisne, e a Txomin e Míkel Amilibia, polo Zarautz.
Marcador (cada cinco minutos): 2-3, 3-5, 6-6, 9-7, 11-9, 14-11 (descanso), 16-14, 18-19, 23-20, 26-21, 28-23 e 32-27 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 150 espectadores. A falta dun minuto para finalizar o partido, e tras solicitar o técnico do Cisne, Jabato, un tempo morto, pola megafonía anunciouse a retirada do capitán, Toño Lafuente, que xogou os seus últimos minutos ante os afeccionados brancos, sendo manteado polos seus compañeiros ao finalizar o partido.