O Cisne endereita o rumbo remontando e vencendo en Lanzarote (23-25)

Pontevedra
10 de marzo 2018

Vitoria con valor dobre para o Cisne que regresa de Lanzarote cos dous puntos, despois de cinco derrotas consecutivas, e co parcial a favor ante os canarios, tras remontar un marcador adverso e deixar aos locais sen anotar nos últimos dez minutos de partido

Partido entre Cisne e Ca'Mario Lanzarote no CGTD
Partido entre Cisne e Ca'Mario Lanzarote no CGTD / Diego Torrado

Vitoria con valor dobre para o Cisne, que regresa de Lanzarote cos dous puntos, despois de cinco derrotas consecutivas, e co parcial a favor ante os canarios, tras remontar un marcador adverso e deixar aos locais sen anotar nos últimos dez minutos de partido.

Pero o triunfo dos de Jabato tivo luces e sombras, para manter a liña habitual de irregularidade do conxunto branco. Así, despois de ter o partido encarrilado na primeira parte cunha máxima vantaxe de seis goles, os galegos complicáronse a vida pasando a verse por baixo no marcador mediado o segundo período, ata esa reacción final que lles permitiu remontar cun parcial de 0-3 para terminar gañando non sen sufrimento.

A primeira parte foi de clara cor visitante. Lanzarote aguantou ata o minuto 17 (9-9). A partir de aí os pontevedreses impuxéronse e cun claro parcial de 0-6 escapáronse ata o 9-15 (minuto 24) recortado polos canarios para irse ao descanso máis preto (13-16).

Na segunda parte, tras uns minutos en que as distancias se mantiveron, chegou o habitual apagamento dos cisneístas, que Lanzarote aproveitou para remontar cun parcial de 4-0 e pasar a mandar (21-19).

Os últimos 17 minutos de partido viron máis erros atacantes que acertos. A Lanzarote apagóuselle a luz fronte á boa defensa pontevedresa e tivo a súa última vantaxe (23-22) a falta de dez minutos para o final. Carlos Pombo, Javi Vázquez e Dani Tolmos dábanlle a volta ao marcador para poñer fin á mala xeira do Cisne, que asentou o triunfo nunha defensa intensa, conseguindo dous puntos que devolven ao equipo branco á zona tranquila da táboa.

Consulta as estatísticas do partido entre Ca'Mario Lanzarote e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.