Derbi de tensión e nervios o vivido esta fin de semana no pavillón do Gatañal entre o Cangas e o Club Cisne Balonmán. Era o segundo encontro da máxima categoría para os de Jabato, que buscaban os seus primeiros puntos ante un dos veteranos da competición.
Os de Pontevedra mostráronse tensos durante os primeiros minutos, errando nos ataques con numerosas faltas e pases que non chegaban ao seu destino. Desta maneira, o Cangas logrou unha diferenza de 2-0 grazas ao acerto de Santi López por partida dobre.
Jabato pedía calma aos seus e Dani Ramos, moi activo na liña de seis metros, anotaba o primeiro para os de branco, que comezaba a sufrir ao ver como o seu rival lograba a máxima diferenza no marcador aos 12 minutos (6-3).
A partir de aí, Javi Vázquez botouse ao equipo ás costas e cun parcial de 0-2, metía de novo aos seus no choque (6-5) pero Iván Calvo provocaba a súa expulsión deixaba ao Cisne cunha importante baixa a nivel defensivo que non notaron.
Aínda que os locais tiñan a iniciativa, os de Pontevedra mantiñan o pulso para, aos 24 minutos, igualar a contenda. Pablo Picallo, que nese momento sumaba 4 goles, roubaba o balón ao Cangas no medio do campo e, a portería baleira tentou alcanzar a rede, provocando o lanzamento desde os sete metros que lles daba a oportunidade de poñerse por primeira vez por diante no luminoso. O encargado de materializar o lanzamento foi Chan (14-15), obrigando ao técnico local a parar o partido. De pouco serviu, xa que os de branco lograban a súa maior vantaxe ata o momento cun parcial de 0-2, de novo por mediación de Chan (14-16) e, na última xogada da primeira parte o Cangas recortou a diferenza anotando o 15-16 co que se chegou ao descanso.
O paso polo vestiario veu ben ao Cisne, que subiu o nivel defensivo para poñerse cun parcial ao seu favor de 0-2 (15-18) cos tantos de Ramos e Leiras. Tras 5 minutos e medio sen marcar gol, o Cangas recortaba. Puido facelo por partida dobre, pero un inmenso Villamarín impediuno (tres paradas na segunda parte).
Chegábase ao ecuador do segundo acto e o Cangas apertaba o acelerador para pasar do 19-22 ao 21-22. O Cisne tiña o ataque, momento que Jabato aproveitou para parar o tempo e pedir aos seus a intensidade e a mobilidade vista nos últimos minutos da primeira metade. Desta maneira, con Preciado e Ramos volvía poñerse con tres goles por encima obrigando, esta vez, ao técnico local a pedir un tempo morto que non axudou aos seus.
O Cisne mantiña o control e lograba unha vantaxe de seis goles (22-28) a falta de 8 minutos para o asubío final. Os veteranos en Asobal tentaban acercarse no marcador pero topábanse coa forte defensa dun equipo visitante que si que acertaba nos seus ataques.
Desta maneira chegouse aos últimos compases do encontro. O Cangas optou por marcaxes individuais pero de nada serviu, xa que Preciado, Picallo e Leiras (sobre a bucina) encargáronse de aumentar a vantaxe e poñer o 26-33 final co que logran a primeira vitoria na máxima categoría do balonmán nacional.
Consulta as estatísticas do encontro Frigoríficos Morrazo-Dicsa Modular Cisne na seguinte ligazón.