O Cisne presenta a Marko Antelj e xa mira cara ao derbi no Rosal

Pontevedra
04 de outubro 2018

O club pontevedrés organizou un acto este xoves no Hotel Alda Estación para presentar oficialmente ao gardameta serbio, que leva varias semanas traballando co equipo. O cadro cineísta visitará este sábado en liga o Atlético Novás 

Presentación de Marko Antelj como xogador do Cisne
Presentación de Marko Antelj como xogador do Cisne / Mónica Patxot

Leva varias semanas traballando co equipo, pero non foi ata este xoves cando o Club Cisne Balonmán presentou á súa fichaxe destacada para esta tempada, o gardameta serbio Marko Antelj.

"Las dos semanas que lleva con nosotros nos ratfica en la decisión de traerlo", sinalou o presidente da entidade, Santiago Picallo, nun acto celebrado no Hotel Alda Estación Pontevedra, no que Marko vivirá mentres se prolongue a tempada deportiva.

"Esperamos que nos ayude a salvar la categoría sin apuros", completou o dirixente antes de dar a palabra ao mozo xogador, que en inglés explicou que se decidiu pola oferta do Cisne tras falar "con xogadores serbios que xogaron no Teucro e en Galicia".

Trátase ademais dunha experiencia, a de abandonar o seu país, "nova pero que é boa para min".

Xunto a Marko Antelj atopábase unha nutrida representación do plantel cineísta, que xa pensa no derbi galego da División de Honra Prata que lle enfrontará o vindeiro sábado (19:00 horas) no Rosal ao recentemente ascendido Atlético Novás.

O conxunto adestrado por Jabato chega á cita cun punto conseguido en dúas xornadas, mentres que o Novás aínda non se estreou.