O Cisne rasca un punto en Zarautz na súa estrea ligueira (25-25)

Pontevedra
15 de setembro 2018

Os pontevedreses dominaron durante gran parte do encontro, pero non lograron pechalo e terminaron cedendo un empate con todo positivo nun apertado final

O Cisne facendo exercicios de quecemento en Zarautz Club Cisne Balonmano

Puntuar fóra da casa foi unha das materias pendentes do Cisne nas últimas tempadas, pero os de Jabato iniciaron o curso con boas sensacións e rascando un punto no País Vasco, na súa visita á cancha do Amenabar Zarautz (25-25).

Os pontevedreses dominaron durante gran parte do choque, empezando cun parcial de 1-4 de saída que lles outorgaba a iniciativa no xogo.

Tentaba responder o cadro local, pero o Cisne atopábase cómodo e chegaba ao descanso cun esperanzador 12-15.

Non cambio moito a cousa ao comezo do segundo acto, ata que se chegou ao seu ecuador co Zarautz empatando a contenda (19-19). Empezou a partir de aí outro encontro, cun final tremendamente igualado no todo puido pasar, aínda que o que sucedeu finalmente é que ambos os dous equipos asinaron as táboas.

Un punto con todo positivo que os de Jabato tentarán facer aínda mellor o vindeiro sábado vencendo ao Barcelona B no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Consulta a acta do partido na web da Real Federación Española de Balonmán.