Coa incorporación de catro xuvenís ao primeiro plantel, Álvaro Preciado, José Leiras, Daniel Fernández e Bruno Vázquez, o Cisne dá por pechado o seu equipo. Salvo fichaxe de última hora, Javier Fernández "Jabato" xa coñece aos dezaseis homes cos que o conxunto pontevedrés pelexará un ano máis pola permanencia na División de Honra Prata.
Nunha rolda de prensa, que tivo lugar no hotel Galicia Palace, o presidente do club, Santi Picallo, presentou aos catro novos integrantes do equipo que, durante a pasada tempada, xa adestraron co primeiro equipo e mesmo chegaron a debutar en partido oficial.
Ademais, formaron parte do equipo que logrou a histórica medalla de bronce lograda polo Cisne no último campionato de España xuvenil de balonmán.
Esta aposta pola canteira, segundo explicou Picallo, é a "vocación" do club pontevedrés, cuxo primeiro equipo debe verse "beneficiado" dese traballo coas categorías inferiores, especialmente cando dela saen xogadores de tanta calidade técnica.
Daniel Fernández ocupará a praza de gardameta que deixou libre Pablo Galán tras a súa fichaxe polo Cangas. O mozo, formado na canteira do Octavio, "está entre los mejores porteros de España", destacou o presidente do Cisne.
Pola súa banda, Bruno Vázquez -lateral dereito- e José Leiras -extremo dereito- son xogadores versátiles que poden intercambiar as súas posicións. O primeiro deles "va de la mano" na súa traxectoria co gardameta, mentres que Leiras é un xogador "muy potente" que chegou ao Cisne a pasada tempada procedente do Seis do Nadal.
A cuarta incorporación, a do central Álvaro Preciado é o exemplo claro da aposta do Cisne pola canteira. Leva nas categorías inferiores do club desde os seis anos e chegou ao primeiro equipo "en el que ya está perfectamente integrado" tras debutar a pasada tempada, segundo Santi Picallo, "con trabajo, esfuerzo y dedicación".
Ademais, Picallo confirmou que outros tres xogadores xuvenís farán a pretemporada co primeiro equipo. Trátase de Roque Arias, Dani López e Daniel Gonçalves, aínda que é probable que algún deles termine sendo cedido a outro club de Primeira Nacional para disputar minutos e favorecer a súa formación.
SEGUNDO ADESTRADOR
O Cisne presentou tamén a Anxo Corbillón como o segundo adestrador do equipo. Con el, o club busca reforzar a súa estrutura técnica e "aumentar el nivel de exigencia a nuestros jugadores". Trátase dun home que "conoce bien el club" tras xogar no equipo durante catro tempadas. Procede do Seis do Nadal feminino.