O Cisne volve á competición en Nava de la Asunción... ou en Segovia

Pontevedra
12 de xaneiro 2018

Os pontevedreses visitan na súa primeira xornada do ano a pista do terceiro clasificado, o Balonmano Nava, sempre que consiga solucionar o problema de condensación que sofre o seu pavillón habitual. No caso de non ser así, o choque xogaríase en Segovia

Carlos Pombo, no partido entre Cisne e Bordils da tempada 17/18
Carlos Pombo, no partido entre Cisne e Bordils da tempada 17/18 / Diego Torrado

Despois do parón do Nadal regresa a competición á División de Honra Prata e faio cun esixente compromiso para un Cisne á alza.

Os pontevedreses visitan (sábado, 18:30 horas) a pista do terceiro clasificado, o Balonmano Nava, sempre que o clima o permita.

Problemas de condensación no frontón de Nava de la Asunción, sede do equipo, impediron usar as instalacións nos últimos días, polo que en caso de persistir o encontro trasladaríase ao Polideportivo Pedro Delgado de Segovia.

Os de  Jabato prepararon a conciencia o seu regreso á competición coa intención de manter a boa inercia coa que pecharon o ano, con tres vitorias consecutivas que lle fixeron recuperar posicións e colocarse sexto clasificado, empatado a puntos cos postos de  play- off.

O obxectivo pasa por tentar consolidarse na zona nobre nas dúas xornadas que restan para pechar a primeira volta da liga, primeiro en Nava e unha semana despois recibindo no Municipal á gran revelación da tempada, o Agustinos Alicante.