O Ciudad de Pontevedra exhibe poderío no autonómico de barcos de equipo

Pontevedra
15 de febreiro 2023

As canoístas María Villaverde e Noa Conde fixéronse co triunfo na regata de 3.000 metros de categoría sénior para dar o título ao equipo pontevedrés

Campionato galego de barcos de equipo sobre a distancia de 3.000 metros celebrado en Cenlle
Campionato galego de barcos de equipo sobre a distancia de 3.000 metros celebrado en Cenlle

Os padeeiros da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra volveron demostrar que forman parte do selecto grupo de clubs que dominan este deporte en Galicia. Un dominio que demostraron a pasada fin de semana en Cenlle, onde se celebrou o campionato galego de inverno de embarcacións de equipo (K2 e C2) sobre a distancia de 3.000 metros. un evento que contou coa participación de 400 deportistas pertencentes a 31 equipos.

No ranking por equipos, a EPCP terminou como campioa da categoría sénior feminina seguida polo Ría de Betanzos e o Club de Mar Ría de Aldán. Pola súa banda, na categoría sénior masculina, o Club Naval acabou en segunda posición por detrás do Kaiak Tudense e por diante do As Torres Romaría Viquinga. Ademais, o Piragüismo Verducido foi terceiro na clasificación xuvenil feminina.

As canoistas da escola pontevedresa María Villaverde e Noa Conde colgáronse en ouro na proba sénior do C2 ao impoñerse ás embarcacións do Náutico Pontecesures e do Poio, segundas e terceiras respectivamente. Na modalidade masculina, foi destacada a actuación dos kayakistas do Club Naval Felipe Dobarro e Manuel Rivas, que cruzaron a meta en segunda posición só superados pola parella do Kaiak Tudense formada por Rubén Millán e Valentín Ezcurra.

En categoría xuvenil sobresaíu o triunfo de Alba Rodríguez e Iria Tilve, do Piragüismo Poio, en C2.