O Club Aromon Pontevedra - Montañeiros A Roelo presume dos resultados dunha das súas novas promesas, Xián Novoa.
O deportista do club pontevedrés comanda a clasificación da Copa de España Trail de Carreiras de Montaña na categoría cadete despois de disputarse tres das catro citas previstas no calendario.
A última delas celebrouse a pasada fin de semana en Las Palmas de Gran Canaria, co Aguas de Teror Trail - Desafío de los Picos.
Nesta cita Xián Novoa venceu na proba cadete masculina con 9 quilómetros de percorrido e un desnivel positivo de 400 metros.
Á súa chegada a meta parou o cronómetros en 54 minutos e 10 segundos, con 1:45 de vantaxe sobre o valenciano Francesc Asunción e 4:56 sobre Javier Moreno, segundo e terceiro respectivamente.
Con este resultado o deportista do Aromon conta con 92 puntos de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor na clasificación xeral da Copa de España, certame que chegará ao seu fin o 17 de outubro co Málaga Los Tajos Skyrace.