O Club Deportivo Pinarium consolida a súa aposta polo deporte popular

Marín
24 de novembro 2015

A entidade marinense presentou os seus equipos para a presente tempada, con preto de 200 deportistas nas diferentes seccións de atletismo, tríatlon, trail e ciclismo

Presentación dos equipos do Club Deportivo Pinarium
Presentación dos equipos do Club Deportivo Pinarium / CD Pinarium

Leva poucos anos na brecha, pero aos poucos foi crecendo ata consolidarse entre a aposta deportiva de Marín.

O Club Deportivo Pinarium conta a día de hoxe con preto de 200 deportistas entre as súas diferentes seccións de atletismo, tríatlon, trail ou a recentemente creada de ciclismo.

Nas súas filas, deportistas de todas as idades, incluídos os pequenos triatletas da escola municipal marinense, xestionada polo club, e profesionais como Fernando Alarza, quinto clasificado esta tempada nas Series Mundiais de Tríatlon.

O talaverano e o seu adestrador Omar González estiveron presentes, xunto a moitos dos deportistas do club, na presentación das seccións e novo equipamento, que se celebrou no Concello de Marín.