A partir das 9.00 horas deste mércores 6 de outubro e ata as 10.00 horas do luns día 11 os interesados en inscribir aos seus fillos e fillos nalgunha das escolas deportivas municipais poderá facelo a través da páxina web do Concello.
O goberno local anunciou este martes a posta en marcha do programa municipal, despois dunha tempada en branco pola covid, e fíxoo ofertando en colaboración dos clubs da cidade preto de 2.000 prazas nunha vintena de modalidades.
En concreto, a falta de poder sumar aínda algún club máis, os deportes ofertados son: atletismo, bádminton, baloncesto, rugby, fútbol, fútbol sala, voleibol, balonmán, esgrima, tenis, tenis de mesa, pádel, judo, taekwondo, ximnasia rítmica, ximnasia acrobática, ximnasia trampolín, orientación deportiva, escalada e xadrez.
"Non hai grandes variacións con respecto a outros anos, só pequenos recortes de número para axustalas sobre todo aos aforos nas instalaciones cubertas", explicou respecto diso o edil de Deportes, Tino Fernández.
"Un dos problemas para poñelas en marcha era a consideración dos rapaces como federados ou non", argumentou Fernández, pero solucionada esta cuestión prevese que os adestramentos poidan iniciarse "o 18 de outubro", confirmou.
O Concello destinará unha partida orzamentaria de 250.000 euros ás escolas deportivas municipais, que contarán cunha cota de participación de 50 euros anuais por neno.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.