O deporte pontevedrés entra na súa cuarta fase de desescalada. O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, aprobou este mércores unha disposición pola que se aproba a modificación do Protocolo de Usos das Instalacións Deportivas Municipais, que autoriza a que os nenos e nenas de categoría alevín poidan empregar estas instalacións deportivas para adestrar e xogar.
Con todo, esta apertura para estas categorías estará supeditada á presentación dun calendario oficial.
Lembrou o edil socialista que as instalacións deportivas están abertas para os adestramentos e competicións das categorías infantís, cadete e xuvenil e que o protocolo de uso das instalacións deportivas municipais aprobados o 26 de xaneiro ten como obxectivo principal "compatibilizar o uso das mesmas coas medidas que en cada momento adopten o Goberno e a Xunta para loitar contra a pandemia".
Esta progresividade no inicio da actividade axudou a que esta se desenvolvese cun rigoroso cumprimento normativa por parte das persoas que integran os distintos equipos e conseguindo que en ningún momento se producisen situacións de posibles aglomeracións puntuais que puxesen en risco aos usuarios e ao conxunto da poboación de Pontevedra", explica Fernández.
Esta fase de desescalada habilita aos clubs con equipos correspondentes a deportistas maiores de dez anos a iniciar os seus adestramentos e competicións. Sinala o titular de Deportes que este cambio de fase, unido ás medidas de prevención específicas marcadas polas autoridades sanitarias e á limitación da mobilidade nocturna pon a dispoñibilidade das instalacións deportivas ao límite da oferta que se pode realizar e incrementa considerablemente o número de asistentes ás mesmas.
Puntualizou Fernández que haberá un problema de horarios e que serán os responsables dos clubs os que teñan que decidir as categorías que teñen prioridade para adestrar xa que as instalacións pecharán ás 21.30 horas, moi lonxe das 23.30 horas ás que pechaban antes da pandemia.