O Concello de Marín reúnese cos clubs deportivos para xestionar o uso das instalacións pechadas

Marín
20 de xuño 2020

Durante o encontro, o concelleiro de Deportes expuxo ás formacións deportivas como se veñen xestionando as pistas de atletismo e as pistas de tenis, con franxas horarias e limitacións

Reunión telemática do Concello cos clubes de Marín
Reunión telemática do Concello cos clubes de Marín / Concello de Marín

A área de Deportes do Concello de Marín, representada polos concelleiros Antonio Traba e Antonio Caíña, tiveron este sábado unha reunión telemática cos representantes dos diversos clubs deportivos da vila que utilizan os pavillóns pechados para os seus adestramentos.

En concreto, estiveron representados o Peixe Galego, os clubs de fútbol sala La Peña, Ancoradoiro, ED Marín e O Fisgón; a asociación deportiva Don+ de judo, o de boxeo Team Thunder e os de rítmica Agarimo, In Mare e Vila de Marín.

Durante o encontro, o concelleiro de Deportes expuxo ás formacións deportivas como se veñen xestionando as únicas instalacións que están a ser utilizadas, que son as pistas de atletismo e as pistas de tenis, con franxas horarias e limitacións.

O resto dos pavillóns, polo menos polo momento, "consideramos que deben manterse pechados no mes de xullo. Xa é un mes no que normalmente pechábamos estas instalacións, porque as competicións rematan en xuño e podíamos así dedicar este mes a mantemento", explica Traba.

De todos os xeitos, "o que buscabamos na reunión era precisamente coñecer as demandas dos clubs, sobre todo a nivel competición, para poder axustar con eles as posibilidades de reapertura destas instalacións, así como os protocolos das mesmas".

Así mesmo, o concelleiro tamén anunciou que proximamente se manterá outro encontro telemático cos equipos de deportes ao aire libre para coñecer as súas demandas e poder encauzar a xestión da nova normalidade.