O Concello e o Cisne unen forzas para trasladar aos escolares que estudos e deporte son compatibles

Pontevedra
16 de decembro 2021

Os xogadores do equipo pontevedrés impartirán charlas a alumnos de 24 clases de quinto e sexto de Primaria pertencentes a dez centros educativos da cidade

Recepción ao Cisne no Teatro Principal por parte do Concello de Pontevedra
Recepción ao Cisne no Teatro Principal por parte do Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

O concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, participará o vindeiro luns 20 de decembro ás 11.25 horas no CEIP Álvarez Limeses na primeira das charlas sobre 'Educación e deporte. O deporte na etapa escolar' organizadas polo seu departamento para este curso 2021-2022 en colaboración co Club Cisne Balonmán.

Esta iniciativa ten o obxectivo de transmitir aos escolares pontevedreses de 5º e 6º curso de Educación Primaria a perfecta compatibilidade entre o deporte de base, a alta competición e os estudos, tanto de Primaria e Secundaria como nos estudos universitarios.

"A través da experiencia do Club Cisne de Balonmán de man dos seus xogadores do equipo de División de Honra Prata, os alumnos e alumnas coñecerán como medraron tanto deportivamente como academicamente, e como acadaron éxitos deportivos sen esquecer as súas obrigas escolares e académicas", explica o edil.

A actividade impulsada pola Concellería de Educación desenvolverase en charlas duns 50 minutos impartidos ás aulas dos colexios que así o solicitaran. En cada charla promoverase a conciencia por parte dos alumnos da posibilidade real e efectiva de compatibilizar deporte e estudos.

Ata o momento xa son 24 grupos de dez centros os que inscribiron para participar nesta iniciativa.