O Concello planea transformar a cafetería do campo de fútbol da Xunqueira en oficinas para os clubs

Pontevedra
17 de outubro 2017

O proxecto utilizaría a actual zona de cafetería da instalación e ampliaríaa cunha nova estrutura para albergar ata seis oficinas e unha sala de reunións. A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e o edil de Obras, Demetrio Gómez, presentaron este martes a idea aos clubs de base da cidade

Demetrio Gómez e Anxos Riveiro explican o proxecto da Xunqueira I aos clubs
Demetrio Gómez e Anxos Riveiro explican o proxecto da Xunqueira I aos clubs / PontevedraViva

É aínda un proxecto "en fase de estudo", recoñece o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, pero que busca completar os investimentos en equipamentos deportivos da cidade previstos coa construción e reforma de campos de fútbol ou a renovación do pavillón multiusos.

O Concello anunciou que traballa nun proxecto para dotar de oficinas aos equipos de fútbol base que desenvolven a súa actividade na Xunqueira.

A idea baséase na "transformación do que foi a cafetería do campo de fútbol da Xunqueira I en oficinas para clubs deportivos", asegurou o edil, que presentou o proxecto este martes ás entidades deportivas acompañado da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

En concreto planéase aproveitar a actual estrutura de cafetería e realizar unha ampliación cunha nova nave que permita instalar ata seis oficinas e unha sala de reunións, ata contar cun total de 182 metros cadrados dispoñibles. Esta nova construción situaríase na parte superior da bancada, cun tamaño similar á cuberta que a cobre actualmente e tería acceso independente.

"É unha demanda recollida en anteriores reunións", asegurou á súa vez Anxos Riveiro, coa idea de consultar as necesidades dos clubs antes de pechalo.

O proxecto non conta aínda con orzamento determinado pero "calculamos que andará nos 200.000 euros", sinalou Demetrio Gómez.