O control selectivo para a Copa do Mundo de Szeged reúne en Verducido á elite do piragüismo nacional

Pontevedra
02 de setembro 2020

A escaseza de competicións internacionais fai que o Selectivo Nacional presente unha inscrición de gran nivel. O control desenvolverase no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro os días 4, 5 e 6 de setembro

Campeonato Galego Sprint Sénior de piragüismo no Pontillón do Castro
Campeonato Galego Sprint Sénior de piragüismo no Pontillón do Castro / Cristina Saiz

O encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, quedou finalmente sen as competicións de gran nivel comprometidas este ano, pero o piragüismo de elite segue tendo como referencia a instalación pontevedresa.

Así se reflicte na decisión da Real Federación Española de Piragüismo de celebrar na pista de piragüismo David Cal de Pontillón do Castro o Control Selectivo Sprint para decidir aos padexeiros que representarán a España na Copa do Mundo de Szeged (Hungría) os próximos 25, 26 e 27 de setembro.

Ademais aproveitarase a cita para valorar o nivel dos deportistas nunha tempada tan  atícipa como a actual.

Ante a escaseza de probas de nivel internacional, no Selectivo previsto para os días 4, 5 e 6 de setembro estará gran parte da elite do piragüismo nacional, como o campión olímpico Cristian Toro, o medallista mundial Francisco Cubelos ou o medallista europeo Roi Rodríguez, entre outros.

Tamén o deporte provincial estará ben representado con nomes como Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar), Natalia García (Breogán), Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra), Antía Otero (EP Ciudad de Pontevedra), Iago Monteagudo (Naval de Pontevedra) e Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra), por citar algúns dos rexistrados.

A competición será retransmitida por streaming nas canles habituais da Real Federación Española de Piragüismo.