O Coruxo, ameaza para un Pontevedra en xeira positiva: "Non podemos baixar a garda ante ningún rival"

Pontevedra
29 de outubro 2021

Os granates buscarán este domingo (17.00 horas) en Pasarón prolongar o seu bo momento conseguindo o cuarto triunfo consecutivo en liga. Rufo, única baixa nun bloque pontevedrés que quere converterse en "un equipo sólido na casa e aínda a día de hoxe non o somos", avisa Ángel Rodríguez

Adestramento da pretemporada 2021/2022 do Pontevedra en Pasarón
Adestramento da pretemporada 2021/2022 do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

A pola cuarta consecutiva. Con ese obxectivo parte o Pontevedra Club de Fútbol na visita este domingo (17.00 horas) ao Estadio Municipal de Pasarón dun Coruxo en horas baixas.

A pesar diso Ángel Rodríguez avisa avisa do perigo do cadro vigués, que "debería ter máis puntos dos que ten" e que segundo o seu criterio " ten unha boa proposta de fútbol, manexa ben o balón e o feito de vir con esa necesidade failles ser un equipo perigoso".

O técnico granate ten claro que "non podemos baixar a garda ante ningún rival", sobre todo para tentar converter Pasarón nun fortín. "Debemos mostrarnos como un equipo sólido na casa e aínda a día de hoxe non o somos. Gañamos só un partido, pero creo que estamos camiño de conseguilo, para iso vai ser importante o manexo de balón, a intensidade e que teñamos a afección do noso lado", analiza o preparador.

Rufo será a única ausencia no Pontevedra, debido á escordadura de nocello que se produciu en Segovia. Unha ausencia que é todo un "traspié", recoñece Rodríguez, aínda que "non nos podemos parar no camiño, non pode estar, haberá que poñer outro e o que salga ten a oportunidade de quitarlle o posto".

"Conseguimos tres vitorias, estamos nun momento bo, de crecemento, pero debemos seguir crecendo e conseguindo vitorias", opina o responsable técnico do conxunto granate, e para conseguilo apelou á ambición dos seus sinalando que "un equipo que quere estar arriba ten que ter necesidade todos os domingos, debemos de afrontar os partidos como auténticas finais, como partidos que non teñen volta atrás e puntos que non vas recuperar".

O encontro será dirixido polo árbitro castelán-leonés Eder Mallo Fernández. Será a súa terceira presenza en Pasarón, e curiosamente a primeira foi para impartir xustiza noutro Pontevedra-Coruxo, con vitoria local por 1-0 na campaña 18/19. Ademais na 19/20 foi o colexiado do Pontevedra-Melilla (3-1) e a pasada campaña do derbi ante o Racing de Ferrol (derrota por 0-1).