O CW Pontevedra busca un cuarto triunfo consecutivo que encarrile a permanencia en Primeira Nacional

Pontevedra
03 de febreiro 2023

As pontevedresas, cuartas clasificadas, reciben este sábado ás 17 horas na piscina da Escola Naval Militar de Marín ao Leioa Waterpolo, terceiras

Andrea Andión, xogadora do Waterpolo Pontevedra
Andrea Andión, xogadora do Waterpolo Pontevedra / CW Pontevedra

O CW Pontevedra pode encarrilar este sábado a súa permanencia na Primeira División Nacional Feminina de Waterpolo. A piscina da Escola Naval Militar de Marrín será, a partir das 17 horas, escenario dun duelo contra o Leioa Waterpolo. Terceiro contra cuarto clasificado do grupo A de a segunda máxima categoría a nivel estatal.

A falta de só tres partidos para pechar a primeira fase, as pontevedresas están a 2 puntos das vascas, mentres que por detrás axéxanas AESE e Alcorcón, a un só punto de distancia. Convén lembrar que o novo sistema de puntuación da competición outorga un punto ao equipo perdedor dous ao que gaña, en caso de empate, o enfrontamento resólvese por penaltis.

Se o equipo do CW Pontevedra consegue finalizar entre os catro primeiros terá certificado a permanencia en Primeira Nacional, meténdose no grupo polo ascenso a División de Honra.

Por iso, desde o club pontevedrés fan un chamamento á afección para que asista o sábado á piscina da Escola Naval a animar ao seu equipo e axudar ás mozas para conseguir a cuarta vitoria consecutiva, que deixaría a permanencia case sentenciada. Pero non será fácil, o Leioa Waterpolo é un equipo con moita experiencia na categoría nacional.