O CW Pontevedra honra ao seu fundador coa disputa do primeiro Memorial Fernando Malecho

Pontevedra
23 de decembro 2022

O torneo amigable reunirá a oito equipos de categoría absoluta masculina e feminina os días 28 e 29 de decembro na piscina do CGTD

O CW Pontevedra honra ao seu fundador co primeiro Memorial Fernando Malecho
O CW Pontevedra honra ao seu fundador co primeiro Memorial Fernando Malecho / Club Waterpolo Pontevedra

O proxecto do Club Waterpolo Pontevedra de honrar a memoria do seu histórico dirixente e alma máter da entidade, Fernando Malecho, cun torneo amigable ve ao fin a luz.

A primeira edición do “Memorial Fernando Malecho” desenvolverase durante os días 28 e 29 de decembro de 2022, na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. 

O torneo ten como principal obxectivo ofrecer unha competición atractiva para os deportistas e público, convidando a clubs e seleccións de nivel alto.

As características básicas do torneo pasa por reunir a oito equipos de categoría absoluta feminina e masculina e máis de 120 deportistas. Os equipos participantes no cadro feminino son: Club Waterpolo Pontevedra, Club Waterpolo Pavillón Ourense, Selección Portuguesa Sub-23 e Claret Askartza Waterpolo (Euskadi). Mentres que o masculino compóñeno: Club Waterpolo Pontevedra, Club Waterpolo Pavillón Ourense, Paredes Polo Aquático (Portugal) e Clube Naval Povoense (Portugal).

Haberá unha primeira fase de competición na que xogarán unha liguiña (3 partidos cada equipo), ao longo de todo o mércores e a mañá do xoves. E unha segunda fase de finais: os 2 primeiros xogarán a final, mentres que o terceiro e cuarto xogarán polo bronce.

Con este torneo, o CW Pontevedra quere render homenaxe a Fernando Malecho, un dos responsable de que hoxe en día exista o waterpolo na cidade do Lérez e que tristemente faleceu o 27 de novembro de 2019.