O CW Pontevedra pon en marcha o seu segundo programa de formación para deportistas

Pontevedra
10 de marzo 2020

A primeira charla, con entrada libre ata completar aforo, está prevista para este venres no salón de actos do edificio da Xunta en Benito Corbal e, impartida polo presidente do club Jose Tellería, centrarase na intelixencia emocional

O CW Pontevedra imparte por segundo ano un ciclo de formación complementaria CW Pontevedra

Un coloquio titulado Intelixencia emocional: aptitude e actitude na práctica deportiva inaugurará este venres o programa de formacións complementarias deseñadas polo Club Waterpolo Pontevedra para este ano. A partir das 18.30 horas no salón de actos do edificio da Xunta en Benito Corbal, Jose Tellería, docente especializado na organización de empresas, márketing e dinámica emprendedora, ademais de presidente do club, será o encargado de dirixir a charla.

Non será unha acción formativa illada debido a que esta conferencia está incluída nun ciclo formado por outras tres exposicións relacionadas coa ética deportiva, o voluntariado social ou a igualdade e prevención da violencia machista no deporte. Unhas xornadas cuxa data está aínda por definir.

É o segundo ano consecutivo no que o CW Pontevedra organiza este programa de formación complementaria co apoio da Concellería de Deportes do Concello de Pontevedra. "Nos seus máis de vinte anos de historia, a filosofía na que se sustenta a razón de ser do club, a súa misión e os seus obxectivos, máis aló da consecución de bos resultados, é que nós non só formamos waterpolistas, sobre todo formamos persoas", explica o presidente Tellería.

Aínda que as charlas estaban orientadas aos deportistas e familiares do club, a directiva recolleu a luva lanzada polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, ao declarar a asistencia aberta a todas aquelas persoas interesadas.

O acceso ás mesmas será por tanto gratuíto ata completar aforo sendo o único requisito enviar unha copia do DNI á dirección de correo electrónico info@waterpolopontevedra.com. A adxudicación das mesmas realizarase por orde de entrada das solicitudes.