O deporte popular volve a Santo Tomé de Piñeiro coa VII Carreira Pinga-Pinga

Marín
02 de outubro 2016

A proba, presentada este sábado na Alameda de Marín, celebrarase o sábado 8 de outubro e homenaxeará nesta ocasión ao triatleta veterano Manuel Cruces 'Panoramix'

Presentación da VII Carreira Pinga-Pinga na Alameda de Marín
Presentación da VII Carreira Pinga-Pinga na Alameda de Marín / Concello de Marín

O campo de fútbol de Santo Tomé de Piñeiro volverá ser punto de partida e chegada da sétima Carreira Pinga-Pinga, o vindeiro sábado 8 de outubro.

A proba popular absoluta completará tres voltas ao circuíto habilitado para facer un total de 7,2 quilómetros.

A actividade comezará ás 16:10 horas coas carreiras de menores e concluirá ás 17:00 horas coa saída da carreira absoluta. Ademais como novidade organízase unha andania non competitiva de 4 quilómetros que tamén partirá ás 17:00 horas.

Como en anos anteriores o Club Deportivo Pinarium homenaxeará a un deportista pola súa traxectoria, sendo nesta ocasión o elixido o triatleta veterano Manuel Cruces 'Panoramix'.

As inscricións para a Pinga-Pinga poden formalizarse na páxina www.cronotec.es ata o día 5 de outubro, cun prezo 4 euros por participante.