O derbi ante o Celta, toda unha reválida para o Arxil

Pontevedra
16 de outubro 2020

O conxunto pontevedrés, tras a súa apurada vitoria na primeira xornada da Liga Feminina 2, mide as súas prestacións ante un dos favoritos aos primeiros postos, no que será a súa estrea en casa esta tempada

Mayte Méndez, no partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada
Mayte Méndez, no partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada / Mónica Patxot

O Club Baloncesto Arxil conta as horas para vivir este sábado (19.30 horas) o primeiro partido oficial da tempada en casa, no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, coa visita do Celta Zorka en partido correspondente á terceira xornada da Liga Feminina 2.

Será toda unha proba de nivel para o cadro pontevedrés, tras a súa apurada vitoria en Coruña no inicio da competición, e é que en fronte terán a un equipo que aspira a pelexar este curso polo ascenso de categoría.

"Creo que teñen un plantel  máis compensado que o ano anterior e con xogadoras bastante resolutivas" recoñece a adestradora arxilista Mayte Méndez sobre o conxunto vigués.

O Arxil mírase no espello da Copa Galicia, onde plantaron cara ao Celta a pesar de caer nos minutos finais, esperando que nesta ocasión se produza un desenlace máis feliz.

"Nós imos continuar co guión que temos marcado en nosa  preparació n e trataremos de seguir dando pasos á fronte e tentar levarnos a vitoria", sinala Méndez.

O encontro, debido ás restricións impostas pola situación sanitaria, celebrarase cun aforo reducido de 60 persoas, con prioridade a xogadoras e socios do club. Ademais o partido poderá seguirse por ' streaming' a través do Canal FEB da Federación Española de Baloncesto.