O Descenso do Miño de piragüismo, para o Ciudad de Pontevedra

Pontevedra
12 de xuño 2017

A Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra foi o mellor club da 61 edición do Descenso do Miño celebrado en Lugo

Equipo da EP Ciudad de Pontevedra no Descenso do Miño
Equipo da EP Ciudad de Pontevedra no Descenso do Miño

A 61 edición do Descenso do Miño celebrado en Lugo tivo cor pontevedresa grazas á Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, gañador da clasificación por equipos.

O club pontevedrés sumou dous ouros, tres pratas e dous bronces para colocarse con 974 puntos, 34 máis que o club anfitrión, o Fluvial de Lugo. Terceiro foi o Club As Torres con 850 puntos.

Entre os 32 deportistas do Ciudad de Pontevedra que participaron no Descenso destacaron Carolina García, medalla de ouro no K-1 xuvenil, e Fátima Moreira e Alejandra Manso, primeiras no K-2 cadete.

No Descenso do Miño participaron preto de 400 deportistas, nunha proba con saída en Rábade e percorrido de 17 quilómetros ata a liña de meta situada nas instalacións do Club Fluvial.

En idade senior os vencedores foron Tania Fernández (Fluvial de Lugo) e José Ramón Estevez (Náutico Pontecesures) no K-1, Bernardo Sánchez e Jesús Rodríguez (Barco) e Lorena Jubón e Carmen Villar (Fluvial de Lugo) no K-2, e Diego Romero (Breogán) no C-1.