O desgaste físico non pode co Cisne que vence ao Bordils para seguir líder (32-29)

Pontevedra
18 de xaneiro 2020

Segundo partido consecutivo para o Cisne ante a súa afección que, despois de vencer ao Torrelavega este mércores no encontro aprazado, regresaron ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva para afianzar o seu liderado en División Honra Prata gañando ao Bordils 

Partido entre Cisne e Bordils no CGTD
Partido entre Cisne e Bordils no CGTD / Diego Torrado

Segundo partido consecutivo para o Cisne ante a súa afección que, despois de vencer ao Torrelavega este mércores no encontro aprazado, regresaron ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva para afianzar o seu liderado en División Honra Prata gañando ao Bordils.

O desgaste físico non puido co Cisne, que non desaproveitou o seu primeiro ataque para poñerse cun colchón de dous goles que conseguiu manter ata o minuto 8, momento no que o Bordils empatou o partido por dous erros en ataque dos locais (5-5).

A partir de aí, a igualdade continuou ata a medianía do primeiro acto. Os cataláns poñíanse por diante por primeira vez no partido, pero o Cisne enseguida volvía dominar grazas ao tanto desde os sete metros de Javi Vázquez e ao de Alexandre Chan en suspensión.

De novo volvían os erros dos brancos que permitían aos cataláns empatar o encontro a falta de 10 minutos para o descanso (11-11), mantendo a igualdade ata os últimos compases. Foi entón cando o Cisne sacou a garra e xogou os seus mellores minutos anotando catro tantos de maneira consecutiva que poñían o 17-13 no marcador. A última xogada do primeiro acto foi para o Bordils e non a desaproveitou e enviou o balón a rede para poñer o 17-14 co que se chegou ao descanso.

O paso polo vestiario sentou ben aos visitantes que se beneficiaron dos erros do Cisne para empatar o encontro (19-19) e posteriormente poñerse cun tanto por diante que de novo igualaban os de Jabato.

Chegábase ao minuto 10 da segunda metade e ningún dos dous equipos foi capaz de mandar o balón á rede durante o seguintes tres minutos. Foi David Chapela o que anotou o que sería o gol do desempate e inaugurar un refacho de tres goles seguidos para os locais e recuperar a vantaxe perdida (24-21) que se mantivo ata o minuto 25, onde a fortaleza defensiva do Bordils e a súa efectividade en ataque reduciron o marcador a un (28-27).

Quedaban dous minutos e Javi Vázquez volvía ser protagonista para poñer un novo colchón de dous goles que se converteu en tres grazas ao tanto de Pablo Gayoso. Co resultado en contra, o adestrador visitante aproveitou para pedir tempo pero xa non quedaba tempo para máis. Finalmente, o partido concluíu en vitoria para o Cisne por 32-29, resultado que lles permite seguir líderes da clasificación.

Consulta as estatísticas do Cisne-Bordils na seguinte ligazón.