A Sociedad Deportiva Teucro quere trasladar o ambiente festivo das rúas da cidade ás bancadas do Pavillón Municipal dos Deportes en pleno sábado de entroido.
Os azuis reciben este sábado 25 (20:30 horas) ao Amenabar Zarautz no Municipal co obxectivo de manterse firme á fronte da clasificación e achegarse un paso máis á Liga Asobal.
Por iso, ante a celebración que se vivirá na cidade, a directiva quixo colaborar ofrecendo entradas de balde para os acompañantes dos socios que participen nunha recollida solidaria de alimentos.
Desta forma todos os abonados que colaboren con polo menos 2 quilos de comida, que serán entregados ao Comedor Social de San Francisco, poderán retirar as entradas que desexen para os seus acompañantes sen ningún custo.
O Teucro buscará ante o Zarautz, décimo cuarto clasificado, prolongar a súa serie de bos resultados tras 18 xornadas sen perder na División de Honra Prata.