O equipo máis en forma da competición, dura proba para a melloría do Arxil

Pontevedra
01 de marzo 2019

O conxunto pontevedrés recibe este sábado (17:00 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Lima Horta Barcelona, equipo que chega acumula cinco triunfos consecutivos. Mayte Méndez só conta coa baixa de Cristina Díaz-Pache

Mayte Méndez, adestradora do Arxil
Mayte Méndez, adestradora do Arxil / Mónica Patxot

Antes de gozar do entroido, as afeccionadas e afeccionados ao baloncesto teñen unha cita este sábado (17:00 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva cun Arxil que busca dar continuidade á súa melloría ante o seu público para lograr o que sería o terceiro triunfo como local do curso.

As verdes terán para iso que superar unha esixente proba, xa que visita o CGTD o equipo máis en forma do Grupo 1 da Liga Feminina 2, un Lima Horta Barcelona que chega á cita tras cinco vitorias consecutivas.

O conxunto catalán é sexto cun balance de 11-8, e xógase en Pontevedra boa parte das súas opcións para estar na fase de ascenso que teñen a 2 triunfos de distancia.

Pola súa banda as de Mayte Méndez, con dúas vitorias de renda sobre o descenso, queren consolidar a súa reacción para seguir subindo posicións cara á zona tranquila.

A adestradora pontevedresa contará con todo o plantel á súa disposición fóra da lesionada Cristina Díaz-Pache, que está a encarar a fase final da súa recuperación e que esta semana deixou unha boa noticia ao empezar a exercitarse con balón.