O equipo masculino da Gimnástica, rei das probas combinadas en Galicia

Pontevedra
11 de maio 2021

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleu o sábado 8 e o domingo 9 de maio o Campionato Galego de Probas Combinadas

Equipo da Gimnástica no Campionato Gallego de Probas Combinadas
Equipo da Gimnástica no Campionato Gallego de Probas Combinadas / Sociedad Gimnástica

As pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva foron escenario o sábado 8 e o domingo 9 de maio do Campionato Galego de Probas Combinadas, onde o club local, a Sociedad Gimnástica, foi un dos grandes protagonistas.

O bloque masculino do club pontevedrés proclamouse campión autonómico por equipos cun total de 12.306 puntos. A medalla de ouro cimentouse na actuación de Luís Mariño (4.126), Óscar Monteagudo (4.098) e Matías Moldes (4.082), os tres que outorgaron a puntuación, mentres que Alejandro Villaverde (3.297) non contabilizou ao ser o cuarto mellor do equipo.

Ademais en categoría sub-16 Matías Moldes subíu o máis alto do podio, sendo o terceiro posto para Alejandro Villaverde. Nicolás Quiñones foi cuarto e Paco Lamas, oitavo nesa mesma franxa de idade. En sub-18 Luís Mariño conseguiu a medalla de bronce e Óscar Monteagudo quedou ás portas de subir ao podio.

Pola súa banda ao equipo feminino da Gimnástica faltáronlle 400 puntos para chegar ao bronce, finalizando en cuarta posición na xeral con 8.433 puntos, os sumados por Andrea Villaverde (3.325), Marina Pérez (2.544) e Carmen Saavedra (2.161).

Marina Pérez e Carmen Saavedra competían en categoría sub-16, quedando quinta e novena respectivamente. Andrea Villaverde alcanzou pola súa banda o cuarto posto na categoría absoluta.