O estado de Jacobo, principal preocupación na volta aos adestramentos

Pontevedra
12 de novembro 2015

O centrocampista granate pediu o cambio en Tafalla por problemas musculares e ten complicado xogar o vindeiro domingo. Realizaránselle probas para coñecer o alcance exacto da lesión

Jacobo traballando co fisioterapeuta Manu Barros en Príncipe Felipe
Jacobo traballando co fisioterapeuta Manu Barros en Príncipe Felipe / PontevedraViva

A volta aos adestramentos trouxo un contratempo no Pontevedra, a ausencia no traballo xunto ao resto do grupo dun dos futbolistas máis utilizados por Luisito durante as últimas xornadas, Jacobo.

O centrocampista granate solicitou o cambio en Tafalla por problemas musculares, unhas molestias que a pesar dos días de descanso persisten e que fan moi complicada a súa presenza no próximo partido de liga, o domingo (17:00 horas) ante o Izarra.

Jacobo sofre, en principio, unha sobrecarga que debería mellorar co paso das xornadas, pero realizaránselle probas para descartar unha lesión muscular de maior consideración.

A ausencia do futbolista de Bueu únese á baixa de Campillo, unha vez confirmada a súa sanción dun partido pola expulsión sufrida o pasado domingo.

Por parte do Izarra, próximo rival do Pontevedra, o Xuíz de Competición confirmou tamén a suspensión dun encontro ao centrocampista Bruno Araiz por acumulación de amoestacións.