O Euro Meet de Luxemburgo, primeira cita de nivel do ano para Bea Gómez

Pontevedra
14 de xaneiro 2016

A nadadora pontevedresa foi convocada polo equipo nacional para participar na cita internacional dentro do programa de preparación para o Open de Primavera, onde debe buscar a clasificación olímpica e que se celebrará en marzo en Sabadell

Bea Gómez durante un adestramento en Pontemuiños
Bea Gómez durante un adestramento en Pontemuiños / Diego Torrado

Bea Gómez Cortés foi incluída na convocatoria do equipo nacional absoluto de natación para a próxima edición do Meeting de Luxemburgo, que terá lugar do 29 ao 31 de xaneiro.

O XVIII Euro-Meet será unha das dúas citas internacionais de nivel que afrontará a pontevedresa, do mesmo xeito que o resto de integrantes da selección española, antes de buscar a clasificación olímpica no Open de Sabadell (19 ao 22 de marzo).

Tras estrear a tempada en piscina de 50 metros en Amsterdam e adestrar varias semanas en altura nunha concentración en Sierra Nevada, Bea busca aumentar o seu momento de forma para chegar nas mellores condicións posibles ás datas crave.

Por iso afrontará un programa de competición con cinco probas, ao estar inscrita nos 200 e 400 estilos, 200 e 400 libre e nas 200 costas.

O de Luxemburgo será un test importante polo nivel dos participantes, entre eles outros 16 deportistas españois. Tras el, os técnicos da Federación Española só teñen prevista unha competición internacional máis antes do Open de Primavera, o Meeting de Marsella do 4 ao 6 de marzo.