O europeo de tríatlon de Estonia, cancelado pola pandemia

Pontevedra
05 de agosto 2020

A cita, na que tiña previsto participar Javier Gómez Noya, estaba prevista para o 28 de agosto. O 2020 será o primeiro ano sen campionato de Europa de tríatlon

Gómez Noya na Gran Final das Series Mundiais en Róterdan
Gómez Noya na Gran Final das Series Mundiais en Róterdan / Wagner Araujo / ITU Media

A Federación Europea de Tríatlon (ETU) fai oficial a cancelación do Campionato de Europa de tríatlon polo aumento de casos de coronavirus en todo o continente e as restricións aos desprazamentos impostas por moitos países.

O evento estaba fixado para o 28 de agosto na cidade de Tartu. Alí tiña previsto acudir o triatleta afincado en Pontevedra Javier Gómez Noya co obxectivo de conseguir o seu quinto título continental. 

Era ademais unha das probas máis importantes do calendario do 2020 para o pentacampeón do mundo, no que moitas competicións foron aprazadas e outras moitas, como o nacional de distancia sprint previsto para o 22 e 23 de agosto en Pontevedra, están no aire.

O comunicado da federación europea sinala que "o aumento dos niveis de infeccións por virus e restricións de viaxe condúcennos a unha situación inxusta para os atletas e adestradores. A pesar do traballo duro de todos os involucrados, a ETU móstrase apenada ao anunciar que o Campionato de Europa foi cancelado".

Do mesmo xeito que outros moitos países de Europa, Estonia impuxo restricións á chegada de atletas procedentes dos países nos que o virus está a ter unha maior incidencia. Por iso, a federación preferiu cancelar o evento antes de que "o crecente número de infeccións en toda Europa incrementase o risco de que o evento fose suspendido nunha data máis próxima". Neste sentido preferiron cancelalos antes de que se coñecese a lista de participantes.

É a primeira vez en 35 anos que non haberá campionato de Europa. Desde a ETU agradecen o traballo realizado pola federación estoniana e confían en que no 2021 poida celebrarse o evento nesta cidade.

A pesar do repunte de casos activos en España, Galicia e na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a Federación Española de Tríatlon mantén activa a celebración do campionato de España Sprint previsto para o 22 de agosto. Para evitar a transmisión do virus, a federación aprobou un estrito protocolo de seguridade, aínda que será a evolución da pandemia e o goberno local quen decida a celebración deste campionato.

En calquera caso, a presenza de Gómez Noya en Pontevedra para esta cita tampouco está asegurada. Esa fin de semana figura como inscrito nunha proba da Superleague que terá lugar na cidade holandesa de Róterdan.