O ex-granate David Goldar sentará no banco o luns 28 de marzo no xuízo ao celtista Santi Mina por presunta agresión sexual

Pontevedra
24 de marzo 2022

A Sección Terceira da Audiencia de Almería fixou para os próximos días 28, 30 e 31 de marzo o xuízo por presunta agresión sexual de Santi Mina, xogador do Celta de Vigo. Aínda que a fiscalía retirou a súa acusación no caso contra David Goldar, ex-futbolista do Pontevedra, o defensor de Portas será finalmente xulgado como presunto cooperador necesario ao manterse a acusación particular sobre el

David Goldar, no partido entre Pontevedra e Rayo Majadahonda en Pasarón da tempada 17-18
David Goldar, no partido entre Pontevedra e Rayo Majadahonda en Pasarón da tempada 17-18

A Sección Terceira da Audiencia de Almería fixou para os próximos días 28, 30 e 31 de marzo o xuízo por presunta agresión sexual de Santi Mina, xogador do Celta de Vigo, e no que finalmente tamén será xulgado David Goldar, ex-xogador do Pontevedra Club de Fútbol acusado de cooperador necesario.

A Fiscalía desestimara o pasado mes de xuño presentar cargos contra o defensor de Portas, actualmente nas filas da UD Ibiza de Segunda División, propoñéndoo unicamente como testemuña para a vista oral, pero ao manterse a acusación particular sobre a súa persoa terá que sentar no banco dos acusados.

En canto a Mina, o dianteiro vigués que no momento da presunta agresión sexual militaba no Valencia, enfróntase a unha petición de 8 anos de prisión.

Os feitos que se xulgarán remóntanse ao mes de xuño do ano 2017, relatando a vítima na súa denuncia pasar a noite con David  Goldar nun local de lecer accedendo voluntariamente a marcharse con el a unha caravana. Alí, segundo o testemuño da moza, Santi Mina tería aparecido espido e efectuado tocamentos en presenza do seu amigo, a pesar da oposición da denunciante.

Segundo o escrito elaborado no seu momento pola Fiscalía, como consecuencia da presunta agresión a muller presentou unha depresión grave e sintomatoloxía ansiosa froito dun estrés postraumático crónico.

O tribunal provincial de Almería decretou que o xuízo celebrarase en audiencia pública.